PATRIMONIO
• Proposta de Revalorización Integral de Chandebrito. Patrimonio natural e etnográfico. (Bases teóricas)
Nos derradeiros tempos o patrimonio converteuse en testemuña, comunicación e elemento de identidade. Esta revalorización considera fundamental a conservación do patrimonio para as vindeiras xeracións, pero ademais o presenta como un producto sometido á dinámica propia dos bens de consumo, ocio, entretemento e por suposto, formación.
A aparición do turismo cultural e ecolóxico e os novos usos vinculados ao tempo libre, son os responsables do desenvolvemento da vertente social do patrimonio e obxecto de interese por parte dun público que cada vez máis, demanda actividades de calidade.
Deste xeito, o patrimonio está situándose como unha peza clave nas actuacións estratéxicas de desenvolvemento territorial e de sustento ao desenrolo económico e mellora da calidade de vida dunha comunidade.
Isto é válido sempre que se considere ao patrimonio como un ben de uso social, se vincule a políticas de desenvolvemento territorial sostible e se xestione a partires de productos patrimoniais viables.
Resulta evidente que o patrimonio non está illado do contexto socio-económico e territorial, senón interrelacionado co resto das actividades humanas, sendo posible a súa promoción socio-económica segundo unha utilización dos recursos nun marco de desenrolo sostible e endóxeno, respectuoso co entorno e que procure o incremento do producto interior a traveso das actividades tradicionais e a creación de novos servicios de calidade relacionados co patrimonio e o turismo.
Ao consolidarse como un producto turístico, o patrimonio é fonte de riqueza e factor de desenvolvemento local e neste marco, o patrimonio local representa un elemento básico capaz de integrarse na política de planificación territorial, xerador de benestar, motor da economía e creador de postos de traballo ao demandar novas orientacións profesionais directa ou indirectamente.
Calquera acción dinamizadora ha de basearse nunha política xestora clara de natureza integral ao contemplar todas as actuacións necesarias, desde a súa planificación ata a presentación dos resultados.
Así chegamos ao punto no que é preciso pór en marcha novos mecanismos e estratexias de actuación no patrimonio, optando sempre por a participación de especialistas nas diversas áreas implicadas, de forma que resulten valorizadas todas as potencialidades que este sector ten que desenvolver e crear as canles necesarias para que a sociedade no seu conxunto convértase nun elemento activo, como receptor dos valores e servicios deste particular sistema de comunicación, como son:
:: A riqueza patrimonial.
:: O valor científico.
:: O valor cultural.
:: O valor educativo.
:: O valor simbólico e representativo, como elementos de identidade.
Desde a perspectiva económica, as actuacións en patrimonio mediante programas de xestión integrais teñen loxicamente, un impacto directo sobre a poboación na que se localiza –xera postos de administración, xestión, servicios, mantemento, etc.- e outro indirecto –vinculado ás redes de turismo e servicios, producción e venta de productos-. Esta actividade económica é de carácter transversal, implicando aos diversos sectores productivos e de servicios.
Para un desenvolvemento sostible do sistema, a análise económica recomenda que as actuacións en patrimonio teñen que atender ao incremento da calidade en tres ámbitos fundamentais: recursos, servicios e vida.
E en consecuencia, a rendibilidade que se persegue terá que reflectirse nos tres ámbitos implicados no patrimonio: cultural, financeira e socioeconómica.
Nesta Proposta recóllense e asumen os citados conceptos de calidade, para o que se proxecta pór en práctica diferentes estratexias que actúan positivamente nos tres ámbitos anteriores, favorecendo o seu incremento. Cada estratexia suporá o emprego de certos mecanismos para asegurar as calidades propostas:
a) Calidade dos recursos de revalorización:
Entendéndoos como o conxunto de sistemas que se artellan para acadar os obxectivos.
Esta Proposta pretende o establecemento dun proxecto de revalorización integral dun territorio entendido como a suma de diversos recursos, mediante o emprego de técnicas interpretativas do mesmo.
b) Calidade dos servicios:
As necesidades neste senso xorden xa desde a mesma teoría da xestión patrimonial, sendo recomendable que calquera intento de revalorización admita e atenda as novas necesidades nacidas co incremento do público e o acceso de sectores de poboación que ata o momento non eran atraídos.
En xeral podemos dicir que estas novas demandas se relacionan con:
- Unha boa dispoñibilidade de información útil e completa.
- Accesibilidade.
- Dispoñibilidade de servicios.
- Política divulgativa.
Tamén é preciso ter en conta que todo proxecto de revalorización patrimonial xera accións de impacto negativo para o mesmo que terán que ser atendidas para a súa atenuación, establecendo uns servicios mínimos que poden resumirse en.
- Mantemento dun servicio de limpeza.
- Mantemento dun servicio de conservación.
- Mantemento dun servicio informativo.
Considérase fundamental o establecemento destes servicios mínimos para asegurar a vixencia do proxecto no tempo, sobre todo si temos en conta as condicións ambientais que inciden: aire libre e acción dos axentes atmosféricos, espacio aberto ao público, etc.
c) Calidade de vida:
Unha vez realizado o proxecto, estaremos en situación de facer un bo aproveitamento dos valores lúdicos, educativos e formativos susceptibles de transmitirse, o que sen dúbida e como noutros servicios culturais das sociedades modernas –teatro, cine, música, museos, etc.- terá un efecto positivo no incremento da calidade de vida, tanto dos visitantes como da poboación na que se atopa o patrimonio.






