:: Rupestre
As pegadas que o Home prehistórico foi deixando neste territorio lévannos ata momentos recuados da Prehistoria dos cazadores – colleitores do Paleolítico que hai máis de 100.000 anos deixaron algunhas das ferramentas talladas en pedra como o biface atopado por membros do Clube Espeleolóxico Maúxo nos anos 90.
Teremos que dar un grande paso no tempo para situarnos no momento da producción da arte rupestre ao aire libre que se conserva en Chandebrito. Espallados entre as casas atópanse un grupo importante de petroglifos ou motivos gravados nas rochas graníticas, sendo a parroquia rica en estas manifestacións do entorno do 2000 antes de Cristo, no período denominado Idade dos Metais. Todos eles están catalogados e incluídos no inventario de patrimonio arqueolóxico da Xunta de Galicia.
A súa diferente conservación e condicións de acceso levaron a unha selección dos mesmos para incluílos como temática de interese. Por tanto, realizáronse actuacións arqueolóxicas de limpeza e tratamento das superficies gravadas nos seguintes petroglifos:
- Rapadouro
- Preguntadoiro
- Chouciñas
- Rabete
Proximamente procederase á incorporación do petroglifo da Lapela.
A temática dominante deste repertorio gravado son motivos xeométricos e abstractos a base de coviñas ou cazoletas, círculos concéntricos e liñas onduladas ou rectas, que relacionan os diversos elementos.
Con posterioridade e próximo ao cambio de era, temos que referirnos ao recinto castrexo sito no Monte do Castro que, como o seu nome indica, conserva restos da primeira aldea campesiña coñecida en Chandebrito e que por a morfoloxía socalcada da ladeira norte e leste, representa a icona do lugar, malia que aínda non foi escavado.
Corresponde aos tipos de asentamentos amurallados coñecidos como castros, no cerne da cultura castrexa, desenvolvida plenamente na Idade do Ferro, a partires dos séculos VIII-VII aC e ata a chegada dos romanos a finais do século I aC, se ben estes poboados tiveron unha continuación ata o século III-IV dC.
Segundo a súa topografía, o poboado semella estructurarse en tres recintos situados en socalcos da ladeira a distinta altura, perfectamente apreciables na súa morfoloxía: unha plataforma rochosa no cimo e dúas terrazas que se desenvolven cara abaixo. Por o sur e sudoeste ten forte pendente natural ao pé da que hoxe se estende o barrio Vello ou Barrio da Igrexa de Chandebrito, en continuidade espacial co primeiro asentamento poboacional estable coñecido.
Vista xeral desde o nacente da ladeira norte
Tanto na primeira como na segunda terraza, o paramento de muro é visible en diferentes tramos, feito cun aparello irregular. Na segunda terraza apréciase nun tramo duns cinco metros de lonxitude e superando o metro de altura; aparecido tras a apertura dun camiño a finais dos anos 70.
Desde entón, deste xacemento pouco se coñece, agás unhas breves notas da súa existencia e avaliación preliminar, xunto a algúns anacos cerámicos depositados no Museo Quiñones de León de Vigo por o que fora o seu director J. M. Hidalgo Cuñarro. Das súas notas publicadas no Faro de Vigo, ademais da descrición do xacemento, dos anacos cerámicos recuperados logo da apertura da pista sabemos que teñen decoracións de estampeilla en SSS, motivos plásticos e ornamentacións incisas. Por a presencia de abondosos anacos de cerámicas romanas –ánforas- ou de tipos indíxenas pero de técnica romana, estes autores consideran que a falla dunha escavación que poida clarificar a cuestión cronolóxica, o asentamento estaría vixente entre o século V antes de Cristo e o século II despois de Cristo.
En 1996 é incorporado ao inventario arqueolóxico da Xunta de Galicia, conformándose como un referente arqueolóxico do sur da provincia de Pontevedra.
No ano 2001, promovido por o Concello de Nigrán e financiado con fondos PRODER-I, levouse a cabo unha pequena actuación moi puntual que se culminou coa consolidación de parte dun pano da muralla (posta ao descuberto tras a apertura da pista por esta ladeira). Nestes traballos tamén foi posible advertir a presencia parcial de dúas estructuras habitacionais de planta circular no socalco medio do castro, xunto á muralla.
Situación actual do pano de muralla acondicionado no 2001.
No 2007 a concesión dunha axuda económica da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia á Comunidade de Montes en Man Común de Chandebrito vai permitir a realización das primeiras sondaxes arqueolóxicas neste xacemento, que terán lugar nos meses do xuño-xullo do corrente. Os resultados obtidos serán incorporados ao repertorio de temáticas de interese do Proxecto, como oferta ao público.











