:: Etnográfico
Resultado da vida do home neste medio natural, son abondosas as mostras de patrimonio etnográfico, interésanos en particular o vinculado ao Ciclo da Auga, no que se integran construccións: presas, canles, muíños de cubo da serie dos Muíños do Regueiro, nunha ladeira de monte sen río… os lavadoiros, as fontes. Pero tamén unha organización social para o mantemento das infraestructuras e reparto do recurso, mediante o sistema de regas, as augas de pillaxe, as quendas de moenda, de limpeza da presa e canles… E finalmente, as manifestacións culturais relacionadas coas augas: as rogativas, como expresión colectiva da necesidade de auga.
Muíños do Regueiro:
-Muíño da Chan.
-Muíño da Presa.
-Muíño do Outeiro.
-Muíño da Medio.
-Muíño de Abaixo.
Muíños de Rodas:
-Muíño de Arriba.
-Muíño do Medio.
-Muíño de Abaixo.
-Muíño de Besadas.
-Muíño de Loureiras.
-Muíño de Matos.
Tamén existen aínda moitos máis elementos do patrimonio etnográfico: hórreos e cruceiros, espallados por os barrios e entre as construccións de habitación. Os usos e finalidades destas construccións son diversos, pero dun xeito xeral podemos referilos a dous eidos: o económico e material e o ideolóxico ou das crenzas.
Dos cruceiros de Chandebrito, existiron varios exemplares dispostos ao longo do que fóra un Viacrucis no camiño que vai dende a Igrexa de San Xosé ata o Monte do Castro, pero na actualidade desapareceron algúns exemplares. Respostan a un mesmo esquema formal consistindo nunha cruz sinxela, lisa, pouco elevada en altura, rematado o pé nunha pilastra de sección cadrada; sendo toda a peza de pedra granítica.
FOTO DE CRUCEIRO
Xunta isto, existe un patrimonio intanxible ou inmaterial que reúne os saberes, tradicións e prácticas que se transmiten de xeración en xeración mediante a palabra e a relación có medio e que transcenden o universo económico e material.
É riquísimo o patrimonio oral e musical da parroquia de Chandebrito. Da tradición oral destácanse os contos e lendas que se relataban mentres se traballaba ou nas reunións do longo inverno ao redor dunha mesa ou da lareira; así como os refráns. Outras veces ás historias se lles puña música para cantar nas datas festivas. Os instrumentos musicais tradicionais da parroquia eran as gaitas, os pandeiros –acadando sona as pandereteiras de Chandebrito- e outros pequenos instrumentos de vento, como cornetas. Das composicións musicais destacaban as “cornetadas” que se compuñan para ironizar, facer burla e mesmo escarnio dalgún feito acaecido e que socialmente non se axustaba á norma.
No traballo cós maiores de Chandebrito, aos que sempre chaman “Tío” (por exemplo: O tío Manuel, a tía Benita…) sen existir realmente o parentesco, faláronnos de traballos individuais: na canteira de pedra, no campo, na casa; doutros colectivos: construcción de pistas, de limpeza, de arranxos, de colleita, có liño, etc. Tamén de festas e reunións: bodas, a esfollada, as festas do patrón. E do imaxinario colectivo: o Demo Burlón, a Cabra Fanada …
Este patrimonio inmaterial manterase vivo mentres estea presente nas nosas memorias, polo que a súa recuperación e transmisión é un obxectivo deste Proxecto.









