:: Natural


O patrimonio natural é contemplado desde dúas perspectivas: como natureza en si mesma coa súa diversidade –bosques, vexetación, paisaxe, entornos, camiños- e como recurso natural “antropizado” ou “domésticado”, logo de incorporado como elemento económico e de cultura a través do uso e aproveitamento que o home fai del, converténdose así en patrimonio cultural.

Os campos, a pedra… son algúns exemplos de natureza onde se observa esa “domesticación” feita por o home, creador de cultura. Pero sen dúbida temos que falar do que aquí representa o exemplo máis claro desta relación home-natureza: referímonos ao Ciclo da Auga.

• As augas:

En Chandebrito están as fontes máis altas do Río da Rega (afluente do Río Lagares que discorre cara Vigo) e do Río Muíños, que atravesa a Val Miñor para desembocar na Praia América, en Panxón (Nigrán). A existencia de correntes de auga leva parella unhas determinadas formacións vexetais, conformando biótopos ricos na súa variedade, sendo as fragas as formacións boscosas de maior valor natural e antrópico ao constituír en orixe o entorno natural galego.

Elemento natural fundamental para o desenvolvemento económico da parroquia, é tamén un recurso finito. Cun clima suave pero no que durante o verán prodúcense períodos de seca, os habitantes desenvolveron diversos modos de aproveitamento das augas para as necesidades dunha parroquia agrícola, desde a captación ata a conducción, reparto e usos diversos.

A proliferación de fontes, pozos, presas e lavadoiros son mostras sinxelas pero abondosas da antropización dun recurso natural. Así, a cultura da auga materialízase nun ciclo que comeza por a captación nos montes do entorno e almacenaxe do recurso: a presa da Lapela é a máis antiga das conservadas. Para o seu uso, as augas condúcense mediante canles de pedra, fanse pasar aos campos, aos muíños, lavadoiros, fontes…Todo elo acompañado dun sistema de usos, medidas, regulamentos, costumes e prácticas sociais xurdidas para o mantemento do grupo social asegurando un recurso básico.


 
chandebrito 2008 todos los derechos registrados